lunes, 7 de junio de 2021

28 días de David Saffer

28 días é unha novela do guionista e novelista alemán David Safier, baseada en feitos reais e ambientada na Varsovia de 1943, en plena Segunda Guerra Mundial. A protagonista desta historia é Mira, unha nena xudía de 16 anos que vive no gueto de Varsovia e que ten como único obxectivo coidar da súa irma pequena, Hanna. Aínda que súa nai está con elas, esta case non se pode levantar da cama polo forte impacto que lle producira o suicidio do seu marido, o pai das irmás, polo que Mira é a que se ten que encargar de conseguir comida para a familia traballando no contrabando de alimentos. Para iso, a pesar da firme vixilancia das SS, escápase do gueto constantemente, o que fai que se poña en grave perigo arriesgando a súa vida. A situación empeora cando comezan a deportar aos habitantes do gueto aos campos de concentración. Pasado un tempo, Mira acaba úníndose á Resistencia para loitar contra as SS durante 28 días, 28 longas xornadas nas que a protagonista ten que experimentar situacións que nunca pensaba vivir, como aprender a usar unha arma de lume. Persoalmente, penso que unha das características máis importantes desta obra é que está inspirada nun feito real, xa que nos permite transportarnos a un pasado que considero que non deberíamos de olvidar para poder aprender del. Como está narrada en primeira persoa, podemos imaxinarnos o sufrimento de toda esa xente que loitou pola súa liberdade e pola do seu pobo, ademais da súa desesperación e as difíciles eleccións que tiñan que tomar. Creo que é unha historia que vale a pena ler, xa que nos permite introducirnos na mente dunha nena que tivo que madurar antes de tempo para poder sobrevivir nun mundo tan inhumano e inxusto como foi o da Segunda Guerra Mundial. PAULA DÍAZ MÍGUEZ