Mostrando entradas con la etiqueta Aneiros Rosa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Aneiros Rosa. Mostrar todas las entradas

domingo, 1 de febrero de 2015

"Ámote Leo A. Terminal de... Chegadas?" de Rosa Aneiros

«Mamá, volvo á casa. Xa.» Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero non se trata dunha rendición, velaquí unha auténtica arroutada sentimental, rosma Leo ao tempo que centos de imaxes golpean a súa cabeza. O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso do Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. O cheiro das xardas asadas de Eminonu. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que aparece nos recantos máis insospeitados dos lugares que visita: Ámote Leo A. Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que a súa vontade dea varias voltas sobre si mesma ata deixala ao bordo do precipicio. Deberá decidir entón se se atreve a dar o gran salto cara ao descoñecido. Claro que isto poñería a súa viaxe patas arriba e podería conducila ao máis alto dos seus desexos ou ao máis escuro dos abismos… Que fará Leo nesta encrucillada? Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera? Recuará sobre os seus pasos, ou asomarase ao precipicio dun novo e inesperado destino? Terminal de… chegadas é a terceira e última entrega da triloxía Ámote Leo A. Logo de Destino xalundes e Estación de tránsito, a moza solta os derradeiros lastres que lle quedaban e camiña sen cargas por un mundo no que se borraron todas as fronteiras. Seis meses, seis mil euros, e nada parece ter agora importancia. Tan só resta por saber unha cousa: regresará Leo algún día?

"Ámote Leo A. Estación de tránsito" de Rosa Aneiros

Abril de 2011. Un autobús percorre lentamente a Anatolia. No seu interior, Leo sente que lle ferve a cabeza nunha dura batalla entre os medos, as esperanzas e as dúbidas. Vai para tres meses que abandonou a súa casa coa intención de facer unha viaxe polo mundo adiante. Dispoñía de seis meses e seis mil euros para cumprir o seu soño de atravesar todas as fronteiras, as visibles e as invisibles, e converterse na Marco Polo que admiraba de cativa. Neste tempo, visitou cidades como Barcelona, Lisboa ou Marrakech e aprendeu a dar pasos por si mesma, con todas as satisfaccións e, tamén, todos os erros ás costas. A fantástica tropa de Ruth, ese alivio para o seu peto e desazo para o corazón, foi ata o momento a súa mellor aliada contra a morriña que lle pisa, teimuda, os calcañares. Agora, nese vehículo incómodo que atravesa Turquía, Leo ten que decidir que facer. Que visitar. Con quen. Como. A rapaza bota a man á cabeza acabada de rapar e suspira. Dende logo, esa visita inesperada en Istambul uns días antes non axuda a tomar unha decisión firme. Estación de tránsito é a segunda entrega da triloxía Ámote Leo A. Logo das peripecias de Destino xalundes, Leo deberá superar dificultades e asumir sorpresas tan marabillosas como imprevistas no seu camiño. Haberá novas cidades, novas amizades e novas pintadas para unha viaxe que parte de cero cada día. Cales serán os seus próximos pasos? Conseguirá Leo cumprir o seu soño? Acompáñaa e déixate seducir por un mundo fascinante da man da infatigable Leo A.

"Ámote Leo A. Destino Xalundes" de Rosa Aneiros

Primeiro libro da triloxía.

Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe? Será algún dos membros da extravagante tropa de Ruth á que se arrima en Barcelona? Inicia así unha engaiolante triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Ás veces resultan moito mellores.