Mostrando entradas con la etiqueta Reimóndez María. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Reimóndez María. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de diciembre de 2015

"A música dos seres vivos" de María Reimóndez

Todo o mundo semella coñecer a MK, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son. É neses hiatos onde MK remexe na súa cerna fanada e recuperada, na ruptura da infancia no Támil Nadu rural, impulsada polos movementos migratorios impostos a unha metrópole que a esnaquizou e a refixo de novo. Entre os sons escachados das ondas rotas, MK compón e conduce os seus pasos cara ao lugar onde o grallar do corvo se transforma na música dos seres vivos. Despois de En vías de extinción, A música dos seres vivos abre o «Ciclo dos elementos», ao que tamén pertence a novela gañadora do Premio Xerais 2014, Dende o conflito, un universo de novelas no que as personaxes aparecidas nas marxes dun relato atopan a centralidade noutro. Neste caso é MK, personaxe secundaria de En vías de extinción, quen deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida. Este ciclo, pensado como un complexo todo que seguirá avanzando en futuras novelas, permitirá acceder a visións cruzadas e compartidas de feitos e persoas que se entretecen. A música dos seres vivos é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican para sempre rotas, que non poden nin deben repararse ao seu estado anterior. Mais precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.

domingo, 1 de febrero de 2015

"Desde o conflito" de María Reimóndez

Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas. As dificultades e os atrancos, mais tamén a reformulación da vida propia desde o extremo, van alén do evidente e buscan transmitir desde a emoción próxima da carne e o óso, desde unha posición rebelde cos papeis dados, a procura da propia voz para que as outras tamén a teñan. Probablemente por iso, porque a personaxe vive situacións límite, “Dende o conflito” é unha novela sobre a evolución e a construción dunha persoa que loita por ser exactamente o que ela quere ser. “Dende o conflito” rende homenaxe ás mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo. Da man da protagonista viaxamos desde o Congo a Irak, desde Etiopía a Afganistán, desde Sri Lanka a Haití, pero tamén a Berlín, Barcelona, Compostela e Vilalba, que son os lugares onde Saínza se protexe da violencia buscando o agarimo e o refuxio dos afectos como unha necesidade vital para non renderse nunca. E é que “Dende o conflito” é unha novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que son as realmente importantes na vida.