domingo, 1 de febrero de 2015

"Ámote Leo A. Terminal de... Chegadas?" de Rosa Aneiros

«Mamá, volvo á casa. Xa.» Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero non se trata dunha rendición, velaquí unha auténtica arroutada sentimental, rosma Leo ao tempo que centos de imaxes golpean a súa cabeza. O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso do Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. O cheiro das xardas asadas de Eminonu. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que aparece nos recantos máis insospeitados dos lugares que visita: Ámote Leo A. Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que a súa vontade dea varias voltas sobre si mesma ata deixala ao bordo do precipicio. Deberá decidir entón se se atreve a dar o gran salto cara ao descoñecido. Claro que isto poñería a súa viaxe patas arriba e podería conducila ao máis alto dos seus desexos ou ao máis escuro dos abismos… Que fará Leo nesta encrucillada? Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera? Recuará sobre os seus pasos, ou asomarase ao precipicio dun novo e inesperado destino? Terminal de… chegadas é a terceira e última entrega da triloxía Ámote Leo A. Logo de Destino xalundes e Estación de tránsito, a moza solta os derradeiros lastres que lle quedaban e camiña sen cargas por un mundo no que se borraron todas as fronteiras. Seis meses, seis mil euros, e nada parece ter agora importancia. Tan só resta por saber unha cousa: regresará Leo algún día?

No hay comentarios:

Publicar un comentario